domingo, 30 de setembro de 2012

que raro tanto acordo, pensei.

-->
O día 30 vin polo streaming de reuters o final da mani dese día de protesta ante o congreso. O final foi un momento incrible, unha inversión de 'el verdugo' de berlanga –da tan famosa escea da cadea. Un cento de persoas quedaban sentadas e non querían marchar, os furgóns das UIP arrodeáronos. Xusto nas súas costas o valado metálico azul. Detrás das furgonetas, en pleno Neptuno, algunha xente espallada, as unidades móviles da tv, algunha xente que marchaba.
Unha vez arrodeados comezou un momento de tensión; o silencio duraba pouco porque as rapazas non deixaban de cantar proclamas. Pero nada pasaba.
Detrás dos furgóns un vehículo con escobas xiratorias ía limpando a praza, na quedaran moitos restos de lixo: plásticos, bolsas, papeis de xornais e diminutas nadas. Os corpos especialistas realizaban as súas funcións, esas nas que non se pensa cando transitamos e das que só nos decatamos cando algo falla.
Ducias de xornalistas pasaron por entre os furgóns e achegáronse aos que resistían, ás testemuñas dun día que se resistía a rematar. Comezaron a facer fotos dende todos os ángulos. As luces azuis dos furgóns impedían calquera relaxación; as manifestantes seguían. Alguén se ergueu e foi camiñando cara aos policías, onda el varios fotógrafos e cámaras. Volveu e sentou de novo. Pasou algo de tempo, se cadra dez minutos e a xente comezou a se erguer, de vagariño.
Eu seguía o twitter ao mesmo tempo e algúns notábeis daban consellos: cara a rúa das hortas hai saída aberta, por alí hai paso, recomendaban.
Comezaron a marchar e nada lles pasou. O grupo comezou a espertar, a ir en ringleira cara a saída que deixaban os furgóns. Cada vez máis. Quedaban poucos. En breve tres soas, sentadas, dous en pe, como falando e dándose unha aperta. E mirando de redor. Un policía achegóuselles. Sinalou a saída. Marcharon.
Entraron dous mozos do servizo de limpeza coas basoiras grandes e comezaron a limpar. O straming rematou. Que raro tanto acordo, pensei; que ben feito todo.

Sem comentários:

Enviar um comentário